Monday 06 de May de 2024

Aprazado ao venres 6 de marzo o XXXVI Concurso-Desfile “Rally París–Dakar” debido ás malas previsións meteorolóxicas


 

O Concello de Noia ampliará o prazo de inscrición ata as 13:00 horas do propio venres 6 de marzo

O Concello de Noia vén de confirmar o aprazamento ao venres 6 de marzo do XXXVI Concurso-Desfile “Rally París-Dakar” previsto inicialmente para mañá venres 28 de febreiro, ás 21:00 horas, debido ás malas previsións meteorolóxicas. A concelleira de Eventos, Beatriz Rosende, explica que “finalmente as previsións que tiñamos durante a semana confirmáronse e o mal tempo impedirá o desenvolvemento do París-Dakar, polo que preferimos aprazalo ao próximo venres e pedir desculpas polas molestias que isto poida carrexar”. Unhas malas condicións meteorolóxicas que xa obrigaron onte mércores a suspender o tradicional Enterro da Sardiña.

O Concello de Noia contactará ao longo das vindeiras horas con todas as persoas inscritas para comunicarlles o aprazamento do concurso e confirmar se manteñen a súa anotación para o venres 6 de marzo. Así mesmo, o Concello ampliará o prazo de inscrición no XXXVI Concurso-Desfile “Rally París-Dakar” ata as 13:00 horas do venres 6 de marzo. As inscricións poden formalizarse na sede electrónica do Concello, persoalmente no primeiro andar da casa consistorial ou chamando ao 981 84 21 00 (ext 2031), en horario de 9:00 a 13:00 horas.

Polo demais, o XXXVI Concurso-Desfile “Rally París-Dakar” sairá ás 21:00 horas do venres 6 de marzo da explanada de Labarta, percorrendo o paseo Antón Avilés de Taramancos e as rúas Francisco Romero Blanco, Calvario e Rosalía de Castro ata a Alameda de Noia. A música correrá a cargo da charanga “Solfamidas” e de Discoteca Chocolate. O concurso repartirá 8.300 euros en premios.

O París-Dakar incluirá 4 modalidades: individual (200 e 100 euros), parellas (300 e 200 euros), comparsas (500, 400, 300 e 200 euros) e grupos (2.000, 1.300, 900, 500 e 300 euros). A maiores haberá os mencionados premios para veciños e veciñas empadroados en Noia: 300 euros á simpatía e 300 euros ao humor e máis choqueiro. Así mesmo, haberá cinco mencións especiais de 100 euros cada unha.